Lores, Cris

Cris Lores naceu en Berna (Suíza) en 1975. Aos seis anos foi vivir a Pontevedra. Comezou a facer cine a finais da década de 1980 cunha cámara de súper 8 e cunha Hi8. Pronto abandonou os estudos. Traballou na construción até os 25 anos, cando marchou a Londres, onde, nas súas propias palabras, “coñecín ao cineartista Aketza Barkoff, fillo dunha vasca (unha das “nenas de Rusia”) e un director de fotografía moscovita. Aprendín o método de traballo de Barkoff, moi coñecido en Rusia como cineasta cinético e fundador a finais dos anos 60 da produtora Navka Filmes, que produciu centos de filmes na fronteira entre o experimentalismo cinético e o documental estático.”

Cris Lores tamén se formou como proxeccionista de cine. Leva desde antes do cambio de milenio proxectando películas no Cineclube de Pontevedra, feito que mudou a súa concepción do cine como espectador e como manipulador e creador. Ten traballado en case todos os formatos cinematográficos: 8mm, súper 8, 9,5mm, 16mm, 35mm e 70mm. E tamén, en colaboración con Belén Veleiro, no ámbito do cinema expandido.

Ante a pregunta sobre as súas influencias, Cris Lores responde: “As miñas influencias son case que todas fóra do cinema, as conversas, os lugares, os xeitos, a observación, a non observación. Penso que para que eu faga cinema teño que afastarme do cinema que só me pon barreiras, pero se tivese que poñer un par de exemplos serían Gerard Courant, e Aketza Barkoff. E os seus filmes prétumos.”

Cris Lores é, ademais, unha das tres patas do grupo Urro, que ten colaborado na banda sonora dunha chea de películas do Novo Cinema Galego. Por exemplo, a súa música ten especial presenza n’A Pedra do Lobo (Alberte Pagán), así como n’O proceso de Artaud (Ramiro Ledo).

Referencias:

“Cris Lores, o home da cámara” (Alberte Pagán, Follas do Cineclube de Compostela, 29-05-13). Repaso á filmografía de Cris Lores co gallo da súa proxección no Cineclube de Compostela.