Listaxe de iniciativas, medios, institucións e empresas que tiveron ou teñen relación co NCG. Alén das presenzas, resultan altamente significantes as ausencias.
Revista de cinema en internet, fundada por Víctor Paz e Eloy Domínguez en 2012. Espazo no que se poden atopar moitos artigos e comentarios sobre o NCG, aínda que destaca, en sobre maneira, a sección titulada “Procesos”: vídeo-entrevistas @s cineastas.
Blog dedicado ao cinema levado por Martin Pawley, J. M. Sande e Xurxo González, e que ten como unha das súas principais funcións dar visibilidade a un novo tipo de cinema que non contaba con espazo en medios de comunicación convencionais. Acto de Primavera probablemente sexa a fonte de información máis completa sobre o NCG.
A Axencia Galega das Industrias Culturais fundouse en 2009 trala fusión do IGAEM e a AAG. Contou con varios directores que marcaron a sensibilidade das políticas audiovisuais. Juan Carlos Fasero estivo no período 2009-2012, e Jacobo Sutil desde esa data até a actualidade. Mentres que o primeiro aínda soubo contrarrestar os recortes, o segundo foi un dos maiores culpábeis da derruba de todo o construído até esa altura, como o feito de eliminar as axudas de talento en 2012 para despois recuperalas modificándoas excesivamente na súa esencia.
Organismo institucional clave no desenvolvemento do NCG. Tivo vida desde 2006 até 2009, data na que acabou absorbida pola AGADIC. Foi dirixida por Manolo González, e grazas á súa actividade, desenvolveuse unha innovadora política cultural, sobre todo materializada coa definición das axudas ao talento. Malia que o NCG foi nomeado no 2010, o traballo da AAG foi fundamental na preparación do terreo para que apareceran novas maneiras de entender o cinema.
No Centro Galego da Arte Contemporánea, Acto de Primavera organizou un ciclo sobre o Novo Cinema Galego que, precisamente, levaba esa mesma denominación. Cada xornada estaba dedicada a un cineasta e eles explicaban e ensinaban o seu traballo.
O Centro Galego das Artes da Imaxe fundouse na Coruña no 1991. Dentro dos seus cometidos está a promoción da produción galega. Nos últimos anos o NCG estivo moi presente grazas ao seu programador J. M. Sande.
Iniciativa ideada por Manolo González e Carme Nieto no Concello de San Sadurniño en 2014, ando desde o que desenvolve edicións anuais. Consiste nun convite dunha fin de semana, normalmente en setembro, a unha serie de cineastas para visitar o Concello e, de paso, gravar unha pequena obra audiovisual. Moit@s d@s participantes son cineastas do NCG.
Institución cinematográfica compostelá de promoción e difusión cinematográfica, fundada no 2001. Unha actividade que se materializa nunha cuidada oferta de programación. Frecuentemente a súa atención recae nas obras de cineastas que conforman o NCG.
Festival de cinema de Santiago de Compostela, dirixido por José Luis Losa. É o festival de cinema máis veterano da Galiza, con 29 edicións no 2015. Comezou a prestarlle atención ao que sucedía no cinema galego grazas ao Panorama Galicia, coordinado por Martin Pawley. Desde 2009 é un evento onde o NCG amosa as súas últimas producións.
Programa cultural da radio comunitaria da Coruña (CUAC) que se realizaba durante os anos 2013-2014. O seu director foi Iago Martínez, e nel se daba conta da actualidade e novas do NCG, así como entrevistas @s cineastas.
Sección territorial do xornal El País que contaba cun prestixioso suplemento cultural titulado Luzes. Neste medio de comunicación fixéronse eco dos logros do NCG con artigos e entrevistas a cineastas do NCG. Entre os xornalistas que máis se preocuparon por esta emerxencia estaban Daniel Salgado, Iago Martínez e Óscar Iglesias.
Festa do cinema onde se xuntaban a cinematografía galega e a portuguesa. Durante as dúas primeiras edicións apostouse dunha maneira forte polas curtametraxes de cert@s cineastas que logo comporían o NCG. Tamén foi o lugar onde J. M. Sande, Martin Pawley e Xurxo González se xuntaron por primeira vez e viron a necesidade de apoiar este tipo de cinema. Evento histórico debido á súa elevada carga fundacional.
Probablemente a ferramenta de difusión de cinema galego máis famosa de todos os tempos. Xurdiu ao acubillo da Axencia Audiovisual Galega no ano 2008 co goberno bipartito da Xunta de Galicia. Era un lugar virtual para ver filmes galegos e ademais crear comunidade cun pequeno foro.
Evento cinematográfico coordinado por Martin Pawley que tiña lugar na cidade da Coruña. Aconteceu durante 4 edicións, entre 2009 e 2012, e tiña unha filosofía altamente significativa, facendo colidir cinema e ciencia. Na súa programación sempre houbo oco para o NCG.
Xornal galego de información crítica de frecuencia mensual. Durante a súa existencia, nas súas páxinas sempre tiveron oco artigos e críticas sobre a actualidade do cinema galego, sobre todo aquel que, como o NCG, se atopa desprazado dos centros de poder.
Festival emprazado na vila de Tui. Desde 2005 converteuse na cita do cinema documental na Galiza. Pola súa programación se pode seguir a evolución do NCG. En varias edicións, filmes como Todos vos sodes capitáns, Vikingland ou Costa da Morte conseguiron o maior dos recoñecementos.
Iniciativa cultural de creación audiovisual ideada por Martin Pawley. Consiste en celebrar o Día das Letras Galegas 2014, dedicado a X. L. Díaz Castro, coa creación de pezas curtas inspiradas no seu poemario “Nimbos”. A este proxecto sumáronse moit@s cineastas englobad@s dentro do NCG, así como tamén, cineastas de fóra da Galiza que atoparon suxerente o reto. Nun principio esta proposta estaba encadrada en 2014, mais a espectacular resposta d@s autor@s fixo que o proxecto siga en pé aínda a día de hoxe.
Festival coruñés que comezou a súa andaina en 2010. Especializado na flexuosidade dos formatos e da experimentación, nas súas distintas edicións compaxina de maneira acertada grandes nomes do cinema experimental coa presenza do traballo máis anovador que se fai na Galiza.
Desde a súa Facultade de Comunicación en Pontevedra, a Universidade de Vigo apoiou e difundiu o NCG coa realización de ciclos e conferencias na Casa das Campás. Tamén hai que destacar o labor docente de Beli Martínez, que foi a primeira en incorporar contidos do NCG nas súas aulas.
Medio de comunicación galego de prensa escrita que tivo vida entre 2008 e 2012. Na súa sección cultural deuse eco a todos os acontecementos do NCG mentres coincidiron no tempo. Unha perspectiva posible grazas aos xornalistas que escribían nela (Iago Martínez, Alberto Ramos e Víctor Paz) e aos seus colaboradores (J. M. Sande e Martin Pawley). Nas súas páxinas, o 2 de xaneiro de 2010, foi onde o crítico Martin Pawley escribiu un artigo onde aparecía por primeira vez nomeado o Novo Cinema Galego.
Produtora galega fundada en 2010 polos irmáns Laxe, co suceso da presenza do filme Todos vós sodes Capitáns no Festival de Cannes. Da man de Felipe Lage, foi a produtora galega que máis apostou polo NCG, apoiando a produción de filmes como Arraianos, de Eloy Enciso, O quinto Evanxeo de Gaspar Hauser, de Alberto Gracia ou Costa da Morte de Lois Patiño.
Nesta sección queremos agrupar aquela documentación xerada arredor dun filme concreto. Isto inclúe proxectos, guións, cadernos de rodaxe, fotografías e calquera tipo de documento que poida ser de interese para a contextualización e investigación do NCG.