O Proxecto

 

Nos últimos anos asistimos ao desenvolvemento dunha importante nova etapa na historia do cinema galego, co xurdimento de novas prácticas cinematográficas que entroncan do xeito máis fidedigno cos procesos de vangarda na creación cinematográfica.

Estas novas prácticas foron bautizadas desde algúns sectores da crítica coa etiqueta de «Novo Cinema Galego».

Un importante froito destas intencións creativas é que fixo pensar na natureza das imaxes, xa non só na Galiza e no estado español, senón no mundo enteiro.

A proposta deste proxecto é darlle a volta, transitar do global ao local, e que a atención e o pensamento caia no Novo Cinema Galego, abordando este campo do xeito máis científico posible, e tratando a información con rigorosidade e metodoloxía.

Somos conscientes de que este proxecto non poderá arredarse da polémica á hora de decantarse por un ou outro contido, mais queremos deixar patente desde o comezo a nosa liña de estudo.
Así, a peneira en canto a cineastas e filmes que fan parte do Novo Cinema Galego moverase polos seguintes criterios:

  • Desenvolvemento de modelos de produción que difiren dos parámetros industriais.
  • Utilización de linguaxes anovadoras que ponderan a experimentación.
  • Existencia dun valor máis alá do feito puramente fílmico, que axuda a desenvolver e a potenciar este tipo de cinema na Galiza.

Esta páxina web ten a prioridade de servir como base de datos e punto de encontro na rede de todas aquelas maneiras de entender o cinema de xeito diferente ao tradicionalmente establecido. Este arquivo pretende dar conta de cineastas e creacións fílmicas incardinadas na Galiza, que teñen como denominador común a disidencia cos procesos institucionalizados do cinema.

Forma parte deste proceso dar visibilidade a estas novas prácticas cinematográficas, poñéndoas todas a un mesmo nivel, facilitando así o esclarecemento das súas semellanzas e diferenzas.

Na liña do traballo en proceso, facemos unha chamada @s cineastas para apoiar o proxecto, corrixindo ou engadindo información das distintas seccións e apartados desta páxina web.

Asemade, facemos extensible este convite a crític@s, historiador@s ou investigador@s con interese neste ámbito de traballo e estudo, para procurarlle así unha maior consistencia á vinculación entre o aparato creativo e o crítico.

Somos un grupo de persoas procedentes de distintos ámbitos de traballo, que pretende poñer en valor @s cineastas e os filmes que, nos últimos anos, definiron unha mirada singular da expresión cinematográfica na Galiza.

Participando neste proxecto pretendemos que o cinema aumente a súa valoración como ferramenta cultural no país, xa que o consideramos unha canle indispensable para a súa proxección internacional.

Non obstante, esta plataforma queda aberta a quen comparta estes obxectivos e teña intención e desexo de colaborar.

Créditos

Equipo: Álex Bragaña, Xurxo González, Beli Martínez, Alberte Pagán e Bárbara Primo.

Apoios: Luis Cividanes, Xosé Nogueira, Martin Pawley, Jaime Pena, Marta Pérez, Fernando Redondo e José Manuel Sande.

Aloxamento web: Dinahosting.

Agradecementos: @s cineastas.