Ruido, María

 

(Pidre, 1967). Realizadora de vídeo, investigadora e produtora cultural, desenvolve desde 1996 proxectos interdisciplinares sobre a elaboración social do corpo e o seu emprazamento nos imaxinarios do traballo, así como sobre os mecanismos de construción da memoria e a súa relación coas formas narrativas da historia. Actualmente vive en Barcelona, onde é profesora no Departamento de Diseño e Imagen da Universidad de Barcelona, e onde forma parte de varios grupos de estudo sobre a representación e as súas relacións contextuais. No ámbito da creación, moveuse polo campo híbrido entre a performance, vídeo, vídeo-ensaio e o documental. En 1997 fixo a performance sobre o corpo titulada La voz humana. En 2002 realizou unha metáfora no mundo téxtil sobre o coser imaxes en La memoria interior. Un ano despois fixo Tiempo real, unha reflexión sobre o mundo do traballo. Un tema ao que volve en Zona franca, no 2009. Con Plan Rosebud (2010) fai un díptico sobre a memoria histórica. E en ElectroClass (2012) volve á memoria histórica tratada a través dos medios de comunicación. En 2016 presenta a longametraxe El ojo imperativo estreada no festival Alcances. En 2018 estrea no (S8) Mostra de cinema periférico a súa meditación sobre a maternidade Mater amatísima. Imaginarios y discursos sobre la maternidad en tiempos de cambio. E ao ano seguinte parte dunha depresión persoal para adentrarse no mundo das enfermidades mentais e a fraxilidade humana en Estado de malestar.

María Ruido: Pensar a vida fora do capitalismo (Alberte Pagán, 22 Novembro 2020)