Pagán, Alberte

 

O cinema experimental en Galiza ten un nome propio: Alberte Pagán. A súa formación universitaria na Universidade de Santiago de Compostela foi na área da Filoloxía Hispánica e Inglesa. En Londres frecuentou a London Filmmakers’ Cooperative, onde se interesou polas obras e autores máis experimentais da Historia do Cinema. Comezou a súa andaina no cinema como teórico, especialista e investigador no cinema experimental. El foi o autor dun dos textos máis referenciais do Estado Español, a publicación do CGAC Introdución aos clásicos do cinema experimental (1999), do que tamén comisariou o ciclo. Con esta carta de presentación realizou varios libros como Imaxes do soño en liberdade: o cinema de Eugenio Granell (2003), o capítulo dedicado ao “Cinema Underground estadounidense” no libro editado polo Festival de Cine de Xixón Dentro y fuera de Hollywood (2004), así como do ensaio “Residuos experimentales en Arrebato” aparecido no libro Arrebato… 25 años (2006) editado pola Filmoteca de Valencia (texto utilizado no libreto do DVD da película publicado en Alemaña). Publicou unha monografía en dous volumes sobre o cinema de Andy Warhol, A mirada impasíbel (2007) e A mirada inqueda (2013), publicada por Edicións Positivas; e traducida ao castelán como Andy Warhol (Cátedra, 2014).

No ámbito literario, é o tradutor dos dous primeiros capítulos de Finnegans Wake (Contos contados de Finnegan e HCE, Juncalinho, 1996), a derradeira novela de James Joyce sobre a que escribiu o ensaio A voz do trevón. Unha aproximación a Finnegans Wake, publicado por Laiovento (2000). É autor do poemario Prosopagnosia (2013) e das pezas teatrais agrupadas no libro Como foi o conto e outras peças teatrais (2013), inspiradas en cinco das súas películas. En 2015 publicou a novela Percorridos por unha teoría do desexo.

A súa filmografía comeza cun canto á oralidade en Como foi o conto (2004). O seu interese por comunidades humanas apartadas do concepto occidental de sociedade reflíctese en Os Waslala (2005). Con Bs. As. (2006) realiza un filme onde afonda sobre o concepto da emigración, unha reflexión cinematográfica coa que participou na sección “Llendes” da 44ª edición do Festival de Cinema de Xixón, no Punto de Vista de Pamplona, e co que conseguiría o I Premio de Ensayo Cinematográfico Román Gubern da Universidade Autónoma de Barcelona. No 2008 fixo un significativo fresco sobre o poder da imaxes cunha curtametraxe feita a base de imaxes encontradas: Pó de estrelas. Un ano máis tarde realiza a longametraxe Tanyaradzwa, na que indaga sobre a identidade dun continente a través do retrato dunha muller de Cimbabue. En 2009 presenta a mediametraxe Asahra Hurratun! sobre o conflito do Sáhara, e en 2010 realiza dúas indagacións sobre o espazo, as curtametraxes Puílha 17 janeiro 2010, 15:33H e Eclipse. Nese ano tamén realiza a longametraxe A pedra e o lobo, a súa primeira obra de ficción, onde explora os mecanismos da narración. En 2011 terminou a longametraxe A Quem se lhe Conte… onde volve a súa mirada a imaxes do Prestige. Varias das súas obras estiveron en festivais especializados tanto estatais como do estranxeiro, e tamén participou en mostras colectivas como “D-generación” ou no ciclo “Visto y no visto” do Museo Reina Sofía de Madrid. En 2016 recibiu o Premio da Crítica de Galiza na modalidade de Cine e Artes Audiovisuais. En 2021 foi galardoado co Premio Cineuropa á súa traxectoria.