Nine, Marcos

 

(Illa de Arousa, 1977) Estudou xornalismo en Madrid e despois fixo o MPXA na Coruña. Como profesional entrou a formar parte en varios proxectos para a televisión, en calidade de guionista, nas series Mareas Vivas, As leis de Celavella ou Terras de Miranda. En 2003 realiza o documental Carcamáns para a produtora IB Cinema, coa que volverá a repetir en Pensando en soledad e JEDN, no 2006. Máis tarde realiza para Bren os documentais Historia dunha parroquia (2007) e O premio da Rubia (2008). Nesa altura dá o salto a proxectos propios e independentes encadeando: Soidade 3, A fábrica, Radiografía dun autor de tebeos, Manuscritos Pompeianos, 3 okupas e Inasible #2. Nos últimos anos rematou o proxecto documental A viaxe de Leslie, onde remonta imaxes de arquivo para contar os últimos días do célebre actor de Hollywood. No Curtocircuíto 2015 estreou a súa curtametraxe experimental Roschach #1: puntos de autoridade. En 2016 estreou a curtametraxe documental Sons do mercado.