Ledo Andión, Margarita

 

(Castro de Rei, 1951) Xornalista, escritora investigadora e cineasta. Na súa extensa bibliografía de ficción destaca a novela Porta Blindada (Edicións Xerais, Vigo, 1990), da que xorde a personaxe masculina da súa última longametraxe, A cicatriz branca (Galiza/Bos Aires, 2012). Axitadora política e feminista, os seus documentarios Santa Liberdade (Galiza/Brasil/Venezuela, 2004) e Liste, pronunciado Líster (Galiza, 2007) corcosen un diálogo cos fíos que a historia deixou sen tecer. As súas producións recentes pasan polo cinema homenaxe, Manuel María, Fala e terra desta miña terra (Galiza, 2007), o cinema de correspondencia, Cienfuegos, 1913 (Galiza/Cuba, 2008) e o cinema experimental, Illa (Galiza, 2009), Noite no mundo (Galiza, 2014).
En 2008 recibiu o Premio Nacional da Cultura Galega na modalidade cinema e audiovisual.
Doutora en Ciencias da Información pola Universitat Autònoma de Barcelona e Catedrática de Comunicación Audiovisual e Publicidade na Universidade de Santiago de Compostela, é autora de numerosos ensaios sobre cinema, imaxe documental e políticas da comunicación. Entre eles, Del Cine Ojo a Dogma 95 (Paidós, 2004) ou Cine de Fotógrafos (Gustavo Gili, Barcelona, 2005), que mereceu o Premio Espais d’Art Comtemporani.
Preside e co-preside diferentes asociacións científicas locais e internacionais no eido das Ciencias da Comunicación, é numeraria e arquiveira da Real Academia Galega, socia colaboradora de NÚMAX e coñeceu o exilio durante a ditadura franquista.