Interior, exterior, durante (2016) Autorretrato de 1 minuto (2016) Día 13 de julio y día 12 de agosto (2014) Hyohakusha (Caminante sin rumbo) (2014) Vía láctea (2013) Anima Urbis (2010)
Xisela Franco (Vigo, 1978) é unha cineasta con experiencia na dirección de documentais e películas experimentais. É licenciada en Comunicación Audiovisual e en Humanidades pola Universidade Europea de Madrid. Residiu nesta cidade nove anos, onde fundou Epojé Films, produtora coa que guionizou e dirixiu varios documentais dunha serie producida por TVE, Paisajes de la historia. Ao tempo, dirixiu filmes con vocación artística nos que fixo o traballo de cámara, a montaxe e a produción. A súa obra Aadat (2004), unha historia do pobo saharauí narrada por unha muller, codirixida con Noé Rodríguez, recibiu o Premio Ciudad de Madrid ao mellor documental español no Festival DocumentaMadrid, e foi finalista en festivais coma Lepzig Documentary Film Festival, Ludwisgburg European Short Film Biennale ou Images Festival en Toronto. Mudouse a Canadá cunha bolsa da Fundación Caixa Galicia e realizou un mestrado sobre cinema en York University. A súa tese de licenciatura é unha longametraxe experimental autobiográfica, Anima urbis, supervisada polo cineasta Phil Hoffman. Volveu a España en 2010 e asentouse en Vigo. Dirixiu a serie de documentais para a TVG As raíces da industria de Galicia (2012-2013), así como os documentais Camerún al norte (2012) e SOS Comuneiros de Cabral (2013). En 2015 o MARCO de Vigo outorgoulle a bolsa de produción Artistas15. A comezos de 2016 cursa o doutoramento en Arte Contemporánea na UVigo, co cine de museo como tema de tese. Varias das súas películas foron comisariadas ou producidas polos museos para exposicións, coma o Museo da Cidade da Cultura de Galicia, o Espazo de Arte Normal e o Museo Provincial de Lugo, e expuxo en mostras colectivas na Galería Atlántica da Coruña ou na Casa das Artes de Vigo.