Free songs
 
 

Sibila

Carla Andrade

Recensión

Sibila viaxa dende Constantinopla ata Naraío para pasar os seus derradeiros días consumida pola melancolía por mor do mal de amor producido polo seu irmán xemelgo Silván. Partindo dunha das múltiples narracións que se suceden e interpolan de forma sincopada no relato de Álvaro Cunqueiro “El Caballero”, recreamos unha pequena historia mediante unha estética depurada e baseada na elipse para contrarrestar o evidente “horror vacui” que caracteriza a súa obra.

Inspirada libremente no relato breve "El Caballero" de Álvaro Cunqueiro. Gravada nos días 3 e 4 de setembro do 2016 nas parroquias de Naraío e Ferreira dentro do programa da 3ª Chanfainalab.

Carla achegouse a San Sadurniño cunha idea inicial agromada na procura de documentación que a levou ata un relato ambientado en Naraío escrito por Álvaro Cunqueiro no 1942. "Sempre me fascinou Cunqueiro e e cando lin "El caballero" propúxenme facer unha adaptación libre dese relato e recrear ese espazo mítico e lexendario que atopei nos arredores de Naraío. Mais que ninguén agarde por unha adaptación fiel porque permitínme moitas licencias coa obra orixinal. Tratei mais ben de transmitir unha experiencia estética, que xerase contido e pensamento. A Sibila, o cabalo branco condúcennos sobre todo á procura dunha experiencia estética e poética e se teño que sinalar algunha referencia visual podo lembrar ao cineasta filipino Gym Lumbera.O que fixen foi experimentar un pouco xa que isto é un laboratorio. De calquera xeito, a peza non se podería existir sen a colaboración de Ángela Arnosa, mais tamén, a paciencia e xenerosidade de Víctor e a súa fermosa egua "Blanca" e cómo non da veciñanza de San Sadurniño que se amosou moi agarimosa en todos os momentos da rodaxe." "Sibila" recolle os espíritos, as almas que pululan no barroco relato de Cunqueiro e os incrusta en espazos naturais de cativa pegada humana, enxergados no mito fabuloso. Temos que "adiviñalos" camiñando entre as brumas do tempo e a fermosa gama de negros, grises e brancos que compoñen cada un dos planos deste marabilloso filme. Carla Andrade aventúrase na ficción coa mesma equipaxe coa que leva internándose noutras aventuras creativas na súa xa dilatada traxectoria a pesares da súa xuventude: "O meu traballo trata de fusionar pensamento e vida, razón e intuición, pulando polo poético como xeito de amosar a parte invisible da realidade". A procura da beleza formal que predomina no filme emparéntase por veces co prerrafaelismo, mais tamén podemos sentir nidiamente o devalar do tempo na paisaxe e o misterio inintelixible que se agocha na natureza. Carla consegue transportarnos a un mundo onírico, máxico e fabuloso, como nese plano inicial do Castelo de Naraío "aboiando" nas augas do Río Castro que converte en realidade a utópica viaxe en veleiro dende Constantinopla á Naraío da que nos fala Cunqueiro: "En un velero la trajo a Narahio y hasta que se vieron las torres doradas del castillo no la despertó" . Así pois, deixémonos levar pola experiencia estética e sensual da misteriosa Sibila e por esta hipnótica proposta fílmica de Carla Andrade que pon en valor o misterio agochado que irradia a lexendaria paisaxe de Naraío.

Premios e Festivais:

(S8) Mostra de Cinema Periférico

Capturas

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies de Google Analytics e estamos obrigados a informarte. Se segues a navegar pola web estás dando o teu consentemento para a aceptación das mencionadas cookies e da nosa política de cookies.