Free songs
 
 

O salvaxe leva o seu tempo

Oliver Laxe

Recensión

"Facer unha película é querer domar o salvaxe, capturalo. Este nos atrae e estimula: un mundo salvaxe, unha vida salvaxe, un amor salvaxe... Esta película é un retrato de seres indomables."

(Oliver Laxe)

Óliver participou na Chanfainalab nunhas circunstancias verdadeiramente especiais. Tras case dez anos residindo en Marrocos, chegou a San Sadurniño literalmente co camión da mudanza ás costas e xunto coas cousas de toda unha vida. Como él mesmo explica: "Gravamos esta carta cinematográfica xusto ao chegar coa nosa mudanza a Galicia tras moitos anos vivindo en Marrocos. Estábamos moi moi cansos da viaxe. Deixáronos unha cámara de vídeo para facer a peza no marco do Chanfaina Lab; facía anos que non operaba unha cámara e a sensación era estraña. A verdade é que non tiñamos moitas intencións nin buscábamos nada, simplemente retratar o momento que estabamos a vivir. Penso que isto é interesante. Cando como cineasta me poño a buscar e me poño tenso con intencións, proxeccións ou coa técnica non aparece nada: as angustias e os medos son inimigos da creatividade. Desta volta, a verdade é que estábamos moi tranquilos, intentábamos pasar un bo momento tras o estrés da mudanza e dos moitos cambios que se produciran nas nosas vidas. A Nadia gústanlle moito os cabalos, ten unha conexión especial con eles. Cos cabalos síntese verdadeiramente libre."

O salvaxe leva o seu tempo é un anaco de vida cargado de sentido e verdade, filmado por un dos directores mais singulares que ten dado o audiovisual galego na súa historia. A paixón polos cabalos de Nadia Acimi, a compañeira de Oliver, será o punto de partida para explorar a relación humana co cabalo. O cineasta debulla esa simbiose a xeito de videocarta enviada por Nadia aos seus fillos, -Esteban e Kaïna- para explicarlles como é a terra na que van comezar a vivir. Na primeira parte contextualiza a figura do cabalo vencellada á historia e o progreso da humanidade, pero tamén ao lado máis escuro como as guerras e o dominio cruel sobre o animal. A segunda parte lanza unha mensaxe de comuñón coa natureza e de volta á orixe, cando a relación persoa-animal era unha relación case de igual a igual. O filme foise construíndo libremente diante da cámara, sentimento a sentimento, fluíndo ao natural, para reflectir verdade a base de xestos, palabras e miradas como ese "cine con alma" que sempre reivindica Oliver e que nesta ocasión resultou felizmente: "Estou moi contento con esta película, penso que é unha das máis vivas de todas as que fixen". Porque toda ela flúe coma a auga cristalina dunha fervenza de primavera, pola frescura e naturalidade elegante que agroma por todos os poros e píxeles da peza. Un fermosísimo filme feito co corazón e cara o corazón d@s espectador@s, emoción e poesía, un agasallo para San Sadurniño dun dos cineastas mais universais e relevantes da nosa terra.

(Chanfaina Lab)

Capturas

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies de Google Analytics e estamos obrigados a informarte. Se segues a navegar pola web estás dando o teu consentemento para a aceptación das mencionadas cookies e da nosa política de cookies.