Relación de acordes (2009) Quentefrío (2009)
(Xove, 1983) Comezou a estudar Enxeñería Industrial en Madrid. Marchou para León a estudar cinema e logo instalouse en Compostela. Aquí dirixiu o seu primeiro traballo, Quentefrío (2009). Contou cunha axuda da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) para rodar Relación de acordes (2009), onde a música ten un papel prioritario. Estereoscopía (2011) é un traballo feito con dúas cámaras para relatar dúas vidas. Trátase dun xogo narrativo cunha pantalla partida. Anacos (2012) é unha curtametraxe cunha chea de recoñecementos internacionais (Clermont-Ferrand, Taiwán, Chile, Alemaña, gañou nas Palmas, Málaga, Albacete ou no Shnit Film Festival en Suíza). Curtametraxe rompedora, pantalla cortada en cinco fragmentos, pensada coma se fose un biscoito. Tamén dirixiu algúns capítulos da segunda tempada da serie web Angélica e Roberta. En 2015 realizou Eco, unha nova curtametraxe que acabou estreándose no Festival de Locarno, un proxecto onde sobresae o texto e a palabra na procura da memoria dunha muller. En 2018 realizou a súa primeira longametraxe, Trote.