Non gosto das autobiofilmografías, sobre todo porque para redactalas unha debe ter conciencia de ter elaborado un filme auténtico. Das autobiografías fuxo inda máis, neste mundo de intimidades roubadas. Hai anos pasei o tempo facendo pequenas pezas de carácter lúdico que remataron compartidas en internet. Eran pezas de inmediatez, ese erro tan común na mocidade. A vontade non era outra que a da experimentación por mera vontade lúdica. Creo que por iso me queren incluir aquí. Agradezo o interese e o esforzo e sei que a teima é especial polo feito de ser galega e ser muller. Os compañeiros e compañeiras que elaboran esta páxina desexarían unha igualdade máis relevante no que ao audiovisual se refire. Eu creo só que as cousas nacen co esforzo e o traballo. Nin sequera confío nas nomenclaturas de grupo ou xeración, inda que as respecto por ser unha boa base para o englobamento e posterior análise e estudo. A teoría ten que construírse. O cinema queda para os grandes, como Agnes Vardá, da que me gustaría herdar a súa orixinal análise do mundo que a arrodea, ou Chris Marker, o seu documental sobre Tarkovsky inda latexa dentro de min. Homenaxeo a este último coa foto do meu gato Mr. Furry. Quen teña lido entrevistas de Marker saberá por qué o digo. (L.B.)